Intelixencia artificial e linguas cooficiais: analizando os baleiros da lei audiovisual

A investigadora Rocío Sosa Fernández, membro do equipo do proxecto LEXCAV, participou como ponente no I Congreso Internacional sobre Comunicación, Tecnoloxía e Linguas Minoritarias, organizado pola Universidade Pompeu Fabra os días 27 e 28 de novembro de 2025 en Vielha (Lleida).

Na sesión “Redes sociais e contidos virais en linguas minoritarias”, presentou a comunicación titulada “Intelixencia artificial na creación audiovisual: Baleiros regulatorios e desafíos para as linguas cooficiais en España”, realizada en coautoría co avogado e docente Ramón Rey García e os coordinadores de LEXCAV, Antía María López Iglesias e Enrique Castelló Mayo.

O estudo sostén que, aínda que a intelixencia artificial evolucionou cara a aplicacións creativas para xerar imaxes, vídeo, son, tradución e subtitulado, estas ferramentas non foron incorporadas na Lei de Comunicación Audiovisual 13/2022. Esta ausencia normativa implica un detrimento na accesibilidade das linguas cooficiais e unha falta de transparencia para o usuario.

A investigación propón unha exploración das principais ferramentas de creación audiovisual con IA, delimitando catro categorías (imaxe, texto, son e vídeo), e do marco legal español, considerando as categorías de transparencia, dereitos de autor, confianza e privacidade de datos. O obxectivo é obter unha visión integral do uso da IA no sector audiovisual e do marco xurídico aplicable.

Scroll ao inicio