Investigadores do proxecto LEXCAV expoñen a situación do audiovisual en asturleonés e aragonés no congreso internacional Small Cinemas en Polonia

O investigador predoutoral Óscar López Iglesias, integrante do Grupo de Estudos Audiovisuais e do proxecto LEXCAV, participou entre os días 13 e 15 de outubro na 16ª edición do congreso internacional Small Cinemas cunha comunicación titulada “Promoting Linguistic Diversity in Audiovisual Media Beyond Official Recognition: The Case of Asturleonese and Aragonese”, en coautoría con Rocío Sosa Fernández e os investigadores principais do proxecto LEXCAV, Antía María López Gómez e Enrique Castelló Mayo.

Nesta última edición, o congreso celebrouse na Escola Nacional de Cinema, Televisión e Teatro de Łódź, a principal academia de cinema de Polonia e unha das máis antigas do mundo, fundada en 1948 e alma máter de cineastas como Roman Polanski, Krzysztof Kieślowski ou Andrzej Wajda. Baixo o título “Film Production in the 21st Century: 16th International Small Cinemas Conference”, o evento permitiu abordar as principais prácticas e tendencias na produción e distribución do cinema independente e de pequenos mercados ante os desafíos económicos, legais, tecnolóxicos e culturais presentes fóra do circuíto comercial masivo.

Á súa vez, a comunicación dos investigadores de LEXCAV centrouse na situación do audiovisual en dúas linguas minorizadas do ámbito español, o asturleonés e o aragonés, que carecen dun status de oficialidade e fican, xa que logo, excluídas das cotas de emisión e financiación que a Lei 13/2022 Xeral de Comunicación Audiovisual estipula para aquelas linguas oficiais diferentes do castelán. Así, alén do carácter xa de por si exiguo das mencionadas cotas, a intervención do doutorando Óscar López Iglesias subliñou a situación de extrema outredade do audiovisual en dúas linguas que nin sequera contan con acceso a medidas deste tipo, o que xera un círculo vicioso no que a falta de adecuadas políticas públicas de promoción perpetua a súa marxinación.

Scroll ao inicio